
O Castro Candaz non é un vestixio máis, a súa importancia e peso histórico foi moita nos primeiros anos do devir de Chantada e así o consideraron romanos, reis e familias nobres da comarca. Reafirma este dato o feito de que fose considerado gran Casa de Galicia. Hoxe en día atópase anegado pola augas do Miño debido a construción do encoro de Belesar, pero de vez en cando, en época de seca, aínda podemos admirar esta marabilla histórica e natural.
O emprazamento do Castro Candaz resulta bastante curioso. Ó contrario que os seus irmáns, atópase nun lugar de visibilidade limitada e bastante arredado de calquera núcleo de poboación. Falamos dun monte cónico, case que regular e que se atopa delimitado en tres zonas por correntes fluviais entre as que destacan o Miño e o Enviande, este último afluente do primeiro. Esta construción sita na parroquia de Santa Eulalia de Pedrafita ten a súa entrada polo Poñente, único lugar libre que deixan as augas. Tras este lugar de acceso, atopámonos con tres mesetas cuxa disposición nos mostra, así o testemuñaba Formoso Lamas, que cumpriron unha función a modo de defensa natural diante de posibles invasores. As mesmas dedícanse na actualidade ó cultivo do viño pero no pasado puideron ser utilizadas como patios por onde se introducía a cabalería e tamén, onde se concentraba a xente para defender o Castro. No resto dos puntos Candaz, dada a súa forma cónica e por estar rodeado de auga, debeu de ser inexpugnable, feito que se reafirma cos restos de murallas aparecidos (unha delas posuía unha altura de 2,10 m . de alto).

No hay comentarios:
Publicar un comentario